Praza do Conselleiro Fernando Salgado - 27560 - Monterroso (Lugo)
A sala 7 pretende ilustrar ao visitante sobre a formación da vila de Monterroso a carón do Pazo da Laxe e dos feirais propiedade da mesma casa.
Nesta sala pódese atopar información sobre os grandes movementos sociais, revoltas e fitos que marcaron o fin do Antigo Réxime e dos estamentos e o nacemento dun novo período histórico. Resalta a revolta contra a Contribución Única no 1790, nacida nunha feira de Monterroso; a invasión das tropas de Napoleón e o seu asentamento no Pazo no 1809; ou a presenza de faccións carlistas na Ulloa, coma a do Freixo.
Da caída dos estamentos sociais fican algunhas insignias representativas dos mesmos como as imaxes dalgúns pazos, útiles relixiosos, ou mesmo fotografías de campesinos como gran masa anónima.
Nunha das paredes da sala figuran diferentes persoeiros dende o Medievo ata a actualidade, importantes para a comprensión da historia da Ulloa e para entender o nacemento desta vila e os seus símbolos máis definitorios, así como para poder sopesar o papel que esta terra xogou para a historia de Galicia e mesmo para a historia cultural e política da península (solar de reis como Fernando II, pero tamén de personalidades transcendentais como Xohán de Ulloa, no papel do coñecemento e afianzamento da lingua galego-portuguesa como lingua de cultura, por poñer algún exemplo).
O panel dos inventos reproduce algúns cambios materiais e creacións que conseguiron mudar a vida dos ulloáns, tales como a electricidade, a radio ou o tan desexado ferrocarril (que nunca chegou a cruzar estas terras, malia aos distintos proxectos que así o solicitaban).
Culmina a sala co panel “Morte na Ulloa”. Dúas fotos son representativas do papel da morte e do desexo de transcendencia (vida despois da morte). Unha das instantáneas reproduce un túmulo megalítico, outra un cemiterio na actualidade. Pasaron milleiros de anos pero a morte malia todos os inventos, toda a tecnoloxía, a morte segue igual de presente que para os nosos antepasados do Neolítico.