O pasado e o presente de Monterroso, as súas feiras e algúns dos veciños máis ilustres son os protagonistas do novo museo da localidade, un histórico anhelo que acaba de facerse realidade grazas á doazón de máis de 1.400 pezas e códices por parte do crego Carlos Méndez Vázquez, ao empeño da directora das instalacións, María José Gómez Alvite, e á colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Monterroso, que aportaron 200.000 e 50.000 euros, respectivamente, para a súa creación.
O antigo centro de saúde foi remodelado para albergar varias salas de exposicións permanentes e temporais, ademais de almacén e arquivo documental, unhas instalacións renovadas que se inauguran este sábado e permanecerán abertas ao público a partir do vindeiro luns. Aínda así, Gómez Alvite, unha das persoas que mellor coñece os pormenores do proxecto, ofreceu este mércores unha visita guiada ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; á alcaldesa de Monterroso, Rocío Seijas, e ao primeiro tenente de alcalde e voceiro do PP local, Eloy Pérez Sindín, quen aproveitou para agradecer “a forte e decidida aposta pola cultura e a promoción do patrimonio de Monterroso por parte dos gobernos do PP”, entre outras autoridades e persoas vencelladas ao novo centro de interpretación.
Son as feiras do municipio, as que xurdiron e se manteñen ao longo de máis de 800 anos, as que copan boa parte do percorrido no museo. “Todo o pobo era unha feira”, resumiu Román Rodríguez diante dos paneis que lembran as orixes daquelas feiras de mulos e mulas, arrieiros, maragatos e produtos autóctonos que deron pé a que nacese a vila de Monterroso. Un nacemento facilitado pola familia dos Salgado, tal e como sinalaba a directora do centro, e un crecemento que se debeu “aos labregos e aos emigrantes”.
“Este tipo de museos teñen unha función moi importante: potenciar o orgullo local“, expuxo Rodríguez ao tempo que falaba da importancia das feiras na estrutura territorial e económica do interior de Galicia: “Aquí rompíase a economía de autoconsumo e é normal que sexa en Monterroso onde se ergue un museo que recompila algo polo que era tan coñecido, as feiras”. Pola súa parte, a rexedora, Rocío Seijas, agradeceu a “posta en valor da historia do municipio grazas ás aportacións da Xunta e do Concello e ás doazóns de don Carlos”, así como “a idea de María José Gómez Alvite” para dar forma ao no novo centro de interpretación e inserir nel o museo parroquial do que foi crego de Monterroso durante seis décadas.
Máis alá da feira
Ademais das feiras, razón de ser deste concello ulloán, as salas expositivas tamén permiten descubrir as lendas vinculadas ás medorras, os gravados rupestres da comarca, as aras de Sirgal e Ligonde ou as casas grandes máis descoñecidas, como o Pazo de Dona Urraca, a Casona de Louzao ou a Casa Grande da Graña, pero tamén as coñecidas, como o Pazo da Laxe.
Tamén invitan a saber de figuras que deixaron a súa pegada en Monterroso. É o caso do xeneral Salgado, o sacerdote Ramón Díaz Rodríguez, que salvou 40 roxos, o escritor Lorenzo Varela ou dona Maior de Ulloa, entro outros moitos nomes.