Dicía Pío Baroja que para ser escritor basta con ter algo que contar, e na Ulloa non faltaban as historias e sobraban as liñas e as ganas. Cinco escritores de Monterroso cunha prolífica obra, coñecida e recoñecida nalgúns casos, inédita e esquecida noutros, recibirán a súa homenaxe no Museo das Feiras, onde se instalarán cinco vitrinas que recollerán os motivos polos que Teolindo Cortiña Toural, Manuel Lorenzo Varela, Antonio Yebra de Ares, Miguel Yebra Varela e Carlos Méndez Vázquez deberían ter escritos os seus nomes en letras de ouro.
A responsable deste centro impulsado polo Concello, a filóloga María José Gómez Alvite, explica que “somos coñecedores de que existiron, e existen, persoas de relevancia na cultura ás que, se non lles damos nós a importancia que merecen, quedarían no esquecemento“.
Fala así do párroco Teolindo Cortiña Toural, nado en Toldaos, no Incio, en 1884 e que pasou a súa vida en Monterroso, ata que a saúde llo permitiu.
Alí, ademais de ser coñecido como o cura de Sirgal e de San Miguel de Penas, inmiscuíse na cultura e política da vila, loitando pola alfabetización dos seus veciños promovendo a construción das escolas indianas de Sandolfe, na parroquia de Pol, e a de Reboredo, en Antas.
“En 1923 contactou co Centro Gallego da Habana para facer catro escolas; ao final foron dúas, pero a de Pol xa estaba en marcha en 1929. Logrou o financiamento e que moita xente traballase de xeito altruísta para a educación de 130 alumnos”, rememora Alvite.
Ser cura foi “unha eiva” para a súa obra, centrada na loita sindical e contra o caciquismo, e a maioría é inédita, pois encargoulle a outro sacerdote a publicación dos seus libros e este “fixo unha escolma dos máis relixiosos”. Faleceu no Incio, coa súa familia, en 1972.
De Lorenzo Varela, protagonista das Letras Galegas de 2005, “pouco máis hai que dicir; se abrimos unha sala adicada aos escritores de Monterroso, el tiña que estar si ou si”. Primeiro fillo de Perpetua, de Lodoso, e de José Ramón, de Fufín, naceu en Cuba e tras idas e voltas a un e outro lado do Atlántico, cando volve a Galicia delátao o seu acento, así que pasa a coñecérselle como O Arxentino.
En Lugo faise camarada de, entre outros, Ánxel Fole e Ramón Piñeiro, abraza os ideais republicanos e iso obrígao a marchar a Madrid e, tras a Guerra Civil, a México e Bos Aires, onde escribe os poemarios Torres de amor, Catro poemas para catro gravados e Lonxe, con ilustracións de Luis Seoane. Os seus restos repousan en Fufín.
A Antonio Benito Yebra de Ares, Toñito para os seus amigos, débeselle un Día das Letras Galegas. Nel traballan. Naceu en Monterroso en 1926 e foi pintor, ensaísta, contador de relatos, historiador, caricaturista, Cronista Oficial da vila, mais foi a pintura, con mostras ata en París, a faceta que lle ocupou boa parte da súa vida.
A responsable do museo avanza que traballan en lograr un Día das Letras para Antonio Benito Yebra de Ares
“O noso labor é reivindicalo”, expón a filóloga, quen descubriu, canda a familia do artista, “a inxente cantidade de contos, relatos, artigos, viñetas, poemarios…” nos caixóns da casa. Avanza ela que o primeiro é publicar a súa obra completa e a súa biografía e, unha vez posto ese chanzo, pelexar polo 17 de maio.
A Miguel Yebra Varela defíneo Alvite como alguén que “cativaba falando e escribindo”. Descubriuno a través dunha colaboración para o libro As feiras de Monterroso, que ela coordinaba e ao que el presentou un artigo “magnífico”.
Unha parte da súa obra non se conserva, tal e como explica a responsable do centro, e agora traballan en reunir todos os seus escritos. “Hai unha semana chegou unha maleta chea deles”, di Alvite, quen se refire a unha novela curta del, inédita, que transmite “o orixinal que era”: nela fai un percorrido polos últimos 60 anos a través dos salóns de peiteado, desde as primeiras barberías ás que foi de novo, ata as modernas.
E de Carlos Méndez Vázquez, don Carlos, como todos o coñecían, é innegable a súa pegada en Monterroso. Recolleu a cultura que o rodeaba a través do ensaio, pero tamén da poesía, unha faceta “que descubrimos coa súa familia”.
Polo momento, explica Gómez Alvite, tratan de discernir a calidade da súa obra lírica, pero é incontestable o seu traballo como ensaísta.
A inauguración da sala será este venres
As vitrinas estarán na Sala dos Escritores, un espazo que se inaugura no Museo das Feiras este venres ás 11.30 horas.
O acto forma parte da axenda do Concello polas Letras Galegas, e nel intervirán os artistas monterrosinos Ana Vila, Adolfina Mesa, Pablo do Batán e Fernando García Penas, que lerán poemas propios, dos homenaxeados e de Luísa Villalta, protagonista deste 17 de maio, ademais de dar a coñecer a biografía de cada un dos autores agora festexados.
Recepción de doazóns
Nese mesmo acto recibiranse as doazóns da familia de Méndez Vázquez, con multitude de documentos históricos, algúns mesmo datados no ano 1.500, ou exemplares de primeiras edicións, que nun futuro se abrirán á consulta de investigadores e se dixitalizarán.
A familia de Yebra de Ares entregará pinturas, bosquexos ou pinceis orixinais; Milagros Menoyo, un gravado neolítico de hai 6.000 anos, que achou nunha parede da súa casa e que mostra un cervo de costas, e Nicolás Santoalla daralle ao museo pezas antergas, como muíños romanos ou a sección do fuste dunha columna.
Tamén haberá frenda floral
O espazo cultural Lorenzo Varela acollerá logo unha ofrenda floralás 12.30 horas, mentres que o acto de clausura estará conducido polo alcalde, Eloy Pérez Sindín.